Image

O Tea é afluente pola dereita do río Miño que rega a comarca do Condado, onde realiza un percorrido de 50 quilómetros. Nace das correntes que baixan das serras do Suído e do Faro de Avión, no concello de Covelo. Atravesa este termo, o de Mondariz e o de Mondariz-Balneario con dirección nordés-sudoeste ata introducirse no de Ponteareas, aproveitando unha fractura tectónica. Neste territorio adopta unha orientación norte-sur que tamén mantén no seu paso polo concello de Salvaterra de Miño, onde desemboca na parroquia de Arantei.

Ao longo deste itinerario o seu caudal enriquécese coas achegas hídricas de varias correntes, especialmente coas do río Borbén, pola dereita, e as do Uma e Xabriña, pola esquerda. Outros tributarios importantes son os regos de Mouro, Cillarga, Ponte Pardellas ou da Barxa e os ríos Portapiñeiros, Aboal, Alén, Xinzo, ou Caraño.

Tanto polo seu caudal coma polo súa lonxitude, o Tea é o afluente máis destacado da conca baixa do Miño. Boa parte do seu curso fluvial foi declarado, en 2001, Lugar de Importancia Comunitaria polo valor ecolóxico que alberga a súa flora e fauna. Forma parte da Rede Natura 2000 da Unión Europea.

Ao longo do río podes gozar de 12 km dun sendeiro fluvial que transita xusto á beira do río entre os concellos de Mondariz, Mondariz Balneario e Ponteareas. Existe, ademais, un ramal interior de 5 km que discorre por camiños tradicionais ao longo das parroquias ponteareás de Fozara, Padróns e Ribadetea.